Un desbordamento democrático para recuperar En Marea

Desbordar. Unha palabra que caracterizou os movementos políticos e sociais do último ciclo, desde o 15-M até o xurdimento de En Marea. O desbordamento dos marcos establecidos, das pautas herdadas, mentais e orgánicas, que aprisionaban a potencia da indignación colectiva. Houbo que repensar tácticas e estratexia; o 15-M lanzou preguntas como retos, cuestionou camiños que parecían seguirse máis por inercia que por convicción. Afectadas por esa incerteza, aínda temos máis preguntas que respostas, máis dúbidas que certezas, pero conservamos os novos sucos que abriron esas dúbidas, como cicatrices que cómpre manter abertas. Unhas cicatrices inflixidas nun réxime aínda firme, mais marcado por esa inestabilidade que non acaba de pecharse, que non pode pechar en falso e contra nós, a maioría social agredida. Chegou o momento de decidirmos se estar a favor dunha rexeneración e, por tanto, se deixamos que esas cicatrices, esas fendas, pechen en falso, ou se cómpre facer por agrandalas cunha decisión por crebar de base este réxime. É dicir, imponse resolver a dicotomía: ou seguimos desbordando ou permitimos o dique que conteña a marea.

A encrucillada, desde logo, formula un reto, máxime cando todo parece expresarse en forma de repregamento, unha caída desa participación das clases subalternas que nun primeiro momento se expresaron nas rúas para logo golpear no terreo electoral e abrir nas institucións a ventá de oportunidade que permanece sen pechar. O esgotamento deste ciclo complexo, con actores e niveis de conciencia diversos, está a significar un baleirado de moitas das novas estruturas políticas xurdidas ao seu abeiro. O deterioro e o bloqueo desa presión desde abaixo, desa forza militante difusamente organizada, dese desbordamento multitudinario que o foi impugnando todo dunha forma creativa como non ocorrera antes, acaba favorecendo, cando non xustificando, certas tendencias ao aggiornamento destes novos suxeitos políticos que naceron para ser ferramentas dunha multitude en proceso de organización e non instrumentos para normalizar, canalizar e redirixir a potencia do seu combate a zonas de confort e de participación coas lóxicas do réxime. Non é casual, nese sentido, certo empoderamento un tanto oportunista de camarillas no seu seo, con aliñamentos preideolóxicos por postos de control, porque todo iso circula en paralelo á moderación dos discursos e das prácticas. Non habería maior derrota que o triunfo destas tendencias en favor da nosa mimetización con todo aquelo que impugnamos.

Galiza foi pioneira no desenvolvemento creativo de novas fórmulas políticas que en si significaron unha ruptura coas lóxicas do réxime e coa ilusión de estabilidade política que este ofrecía. Desde a irrupción de AGE, que rompeu fronteiras e soubo conectar coa vaga de indignación das prazas e das diversas loitas sociais, pasando polo agromar das mareas municipalistas coa democracia de base como práctica e a cidadanía do común como suxeito activo, até a formación de En marea como forza que recolle todas as experiencias previas de construción de unidade popular, de confluencia e de acumulación de forzas nun proxecto contrahexemónico. En Marea sintetiza este proceso complexo, con todos os seus acertos pero tamén coas súas limitacións, e esfórzase en impulsar unha nova cultura política baseada na elaboración e decisión colectivas, na incorporación de prácticas horizontais que poñan o común por enriba de intereses de parte, sexan partidarios ou de grupo, e na determinación de seguir actuando politicamente guiada polo compromiso cunha saída da crise de réxime en chave de ruptura.

Os documentos aprobados na Asemblea do Mar de Vigo, nun exercicio de desbordamento democrático, caótico pero fecundo, marcaban con claridade ese rumbo, esa determinación política e por tanto tamén orgánica. Mais os últimos pasos que se deron, desde a elección da Coordinadora, non apuntan nesa dirección. En primeiro lugar, pola supremacía de lóxicas políticas sometidas ao espazo institucional, principalmente no parlamento galego, co conseguinte abandono da necesidade de articulación do movemento nos espazos da sociedade civil. A confusión entre o orgánico e o institucional pon en grave risco a propia condición de En Marea como instrumento para a ruptura democrática. En segundo lugar, e en parte como consecuencia do anterior, porque asistimos aos inicios da construción dun modelo de partido clásico con mecanismos de ratificación unidireccional e presidido pola cultura da delegación fronte ao proxecto do partido-movemento en sentido amplo. Un partido clásico de corte electoral, cun corpo cerrado de militantes e unha elite que apenas ofrece a posibilidade de plebiscitar decisións previas. Todo o contrario do movemento aberto e de desbordamento que se vén intentando construír durante todo este proceso. En terceiro lugar, e tamén en profunda relación co anterior, polo acomodamento do discurso e da práctica política ao estreito marco do posible, pese a algunhas apelacións abstractas a unha política rupturista sen concrecións na práctica diaria. Esta asunción de prácticas de partido de réxime tradicional, unha especie de restauración dun modelo xa fracasado, contradí o espírito fundador de En marea como aglomeración plural de partidos, mareas municipalistas e cidadanía non organizada na que a adscrición a un manifesto substituía a militancia clásica, A xestión desa pluralidade é un dos grandes retos do espazo, que debe camiñar cara a unha apertura e conexión permanentes cos movementos das clases populares galegas, cos seus intereses e a súa vida cotiá. Sen esa diversidade inclusiva, sen a estruturación dun espazo vivo, dunha ferramenta propia para a transformación das nosas vidas, En Marea corre o perigo de fosilizar mesmo antes de consolidarse, de converterse nunha forza cativa e gris, incapaz de recoller o impulso destituínte sen o que nunca será nada.

Estamos fronte á posibilidade de peche por arriba dun espazo que non se rematou de abrir. Por iso, ante un retorno a vellas formas e prácticas superadas, reivindicamos unha ancoraxe necesaria nos consensos constituíntes do Mar de Vigo para, desde eles, seguir construíndo o movemento de ruptura que precisamos. Para iso, cómpre insistir no establecemento de mecanismos de control democráticos que impidan que desta ferramenta se apropien intereses de parte. Nesa tarefa estamos todas as que cremos na democracia radical, na rebelión cívica, na superación en discursos e na práctica deste réxime podrecido e das lóxicas que nos segue impoñendo.

Para abrir espazos é imprescindible sacar os debates dos despachos, desbordar as lóxicas de aparellos e cotas de poder, facer política con maiúsculas e situar as ideas no centro dos debates. Cómpre construírmos colaborativamente un programa de ruptura que dote a este suxeito balbuciente dunha base política firme alimentada por fontes diversas. E o marco político do espazo de ruptura non pode ser outro máis ca a conquista de soberanía popular, o poder de decidir para decidilo todo, para crebar os marcos abafantes do réxime do 78, do modelo de construción europea e das propias bases dun sistemas alienante, inxusto e violentamente cruel. Necesitamos abrir as cancelas para mudalo todo, para que nada quede sen cambiar, e para iso cómpre tamén articular alianzas rupturistas en varias escalas.

A disputa polo poder político no marco da representación e a construción de contrapoder desde abaixo son procesos complementarios e necesarios. Esta interacción precísase para desbordar os límites que impoñen as institucións. Os cadros do movemento fórxanse no espazo do conflito, non nos corredores nin nas tribunas, senón xerando comunidades de resistencia e solidariedade. Pero o réxime tamén se vai defender ofrecendo a posibilidade de descender aos engados do cretinismo parlamentario de que falaba Lenin.

O debate político hoxe é tamén un debate sobre modelo de organización. Ao plenario do vindeiro dia 15 de xullo concorren dous proxectos antagónicos, pese a que se queiran enmascarar as diferenzas (non hai mellor forma de furtar o debate). Dunha banda, un  proxecto vertical, de construcción unidirecional de arriba a abaixo conforme a modelos clásicos esgotados, un modelo institucionalista e electoral, que non dubida en supeditalo todo, tamén a radicalidade do discurso e da práctica, e non perder votos, a mostrarse como opción de recambio e non de ruptura, a facerse aceptable para unha fase de estabilización da crise e do réxime. Un partido de réxime acomodado ao “estado natural das cousas”. Da outra banda, un modelo de apertura e desbordamento que recolla a pluralidade, que impugne o existente e organice nas rúas e nas institucións a rebelión, que aposte por romper marcos e non adaptarse a eles, que pense máis alá, nun horizonte de ruptura ao que ir suxeitando as súas formulacións e metodoloxías.

En Marea non pode ser un instrumento estático e ríxido, é un espazo que debe expandirse, xerar tecido e articular movemento de ruptura. Para iso conta xa con pancas coñecedoras do terreo, as mareas municipais, a marea municipalista de Galicia, que é o espazo político real onde En Marea segue viva e con toda a potencia de desenvolvemento e avance intacta. As mareas municipalistas representan ese corpo da En Marea que proxectamos e queremos. Desde o respecto á súa autonomía e soberanía, serán piares do espazo de ruptura e confluencia.

No plenario do día 15 de xullo dirimiranse ambas as opcións, máis alá dos despachos, do institucional e das burocracias. Non hai peche por arriba que resista a potencia do desbordamento, da participación colectiva, do debate político amplo e da praxe radical da democracia en todos os ámbitos. Non hai repregamento que anule a potencia de ruptura, destituínte e de movemento, que, con todos os momentos do proceso de unidade popular, co manifesto dos alcaldes de hai un ano e co plenario do pasado 30 de xullo de 2016, deu lugar á En Marea que realmente importa. A marea republicana, da rebelión e a ruptura na dirección dun proceso constituínte.banner_vigo2